| |
Benvid@ ao CEDAB
No 2003 cumpríanse cen anos do nacimento do ourensán Alexandre Bóveda Igrexas. Diante de semellante efeméride lembrouse, a través de numerosos actos, ao fundador, secretario de organización e militante do Partido Galeguista; ao pensador, economista, facendista ..., mais tamén á persoa. Lembrouse a un home comprometido coa súa Terra e o seu Tempo. Lembramos, en definitiva, a un bon e xeneroso.
Foi aquel ano no que se sentaron os piares de diversos proxectos.
Sen dúbida algunha, daquelas o proxecto de maior relevo foi o que ía dirixido a crear un Centro no que se estudase a obra de Bóveda e no que toda documentación referida á súa figura e pensamento ficase concentrada. Unha iniciativa que cristalizaba a partir do 2007, ano no que nacían a Cátedra Alexandre Bóveda e o Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóveda (CEDAB), auspiciados pola Universidade de Vigo, mercé a un convenio do que participaban e participan a propia Uvigo, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, Caixanova, o Concello de Pontevedra e a Fundación Alexandre Bóveda.
Diante de si fica o espazo electrónico no que poderá consultar o fondo histórico-documental do que fora organizador esencial do galeguismo nos anos trinta do pasado século XX, e ao que nos vimos de referir.
Neste espazo poderá achar a maior parte da documentación manuscrita e mecanografada producida por Bóveda, así como gran parte de documentos organizativo-partidarios do galeguismo, nomeadamente do Partido Galeguista ou relativos ao Estatuto de Autonomía, así como epístolas de significas persoeiros dirixidas ao ourensán, ou ligados ao deseño e posta en andaina da Caixa de Aforros de Ourense e da Caixa de Aforros de Pontevedra.
En todo caso, un importante e fundamental elenco documental para analizarmos e comprendermos o pretérito máis inmediato do noso país.
Sexa benvido, sexa benvida, pois,
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel Director do CEDAB
Prema no título do documento que lle interese para visualizalo:
|
|