Cátedra Alexandre Bóveda
 
Está vostede en: Principal

 

 

Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóveda
 
Fundación Alexandre Bóveda
 
 
 

Benvid@ à web da Cátedra Alexandre Bóveda

Principal

No ano 2007 cinco entidades galegas públicas e privadas, Consellería de Cultura e Deporte, Caixanova, Concello de Pontevedra, Universidade de Vigo e Fundación Alexandre Bóveda, asinaron un convenio de colaboración polo que se creaba a Cátedra Alexandre Bóveda. Esta Cátedra nace co propósito fulcral de divulgar o coñecemento sobre a figura e obra dun persoeiro absolutamente transcendente na historia contemporánea galega, dende un prisma universitario e, xa que logo, universalizante, sobardando o marco dos recordos e homenaxes puntuais, para lograr que unha vida exemplar e unha obra modélica, interrompidas criminalmente, sirvan de ponte exemplar entre a xeración galeguista da Segunda República e a Galicia contemporánea, tan necesitada ás veces da auga fresca da inspiración dos nosos devanceiros.

Entre as actividades xa desenvolvidas pola Cátedra figuran ciclos de relatorios, a creación do Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóveda e a convocatoria dun premio de investigación co mesmo nome, que deu como resultado a concesión ex aequo do mesmo ás obras tituladas O que fixemos en Galicia. Ensaio sobre o concepto de práctica xenocida e Fluxos migratorios e escola intercultural: un estudo diagnóstico en Galicia, das autorías, respectivamente, de Antonio Míguez Macho e Sara López Gómez. Encóntrase no ánimo da Dirección da Cátedra que estas múltiples actividades se manteñan durante un longo tempo e non supoñan un feito aillado froito dunhas conxunturais circunstancias. Bóveda merece moito máis.
    
Semente parcial do traballo feito nestes dous anos é esta páxina web que permitirá acceder á figura e obra de Alexandre Bóveda aos usuarios da arañeira global. Independentemente de que o convenio de colaboración se anove, a catalogación e dixitalización da obra bovediana realizada polo Centro de Estudos e Documentación suporá unha garantía de continuidade que proporcionarán os propios investigadores e interesados que consulten os contidos desta web, entregados libremente ao público para que a inesquecible figura de Alexandre Bóveda cobre cada día maior forza a través dos seus ideais cara a creación dunha patria galega.

Álvaro Xosé López Mira
Director da Cátedra Alexandre Bóveda

 
  CEDAB  
  Premio Alexandre Bóveda  
  Documentos e obras  
  Galería de imaxes